
Obxectivo xeral
Coñecer para conservar e convivir cos montes vivos
Esta unidade didáctica busca achegar, ao alumnado de Educación Secundaria en particular e a calquera persoa interesada en xeral, á importancia ecolóxica, cultural e social dos castiñeiros e abeleirais como sistemas agroforestais vivos. A través de contidos, actividades e recursos adaptados, o obxectivo é que as e os mozos comprendan o valor destes ecosistemas como refuxios de biodiversidade, fontes de recursos sostibles e patrimonio compartido.
Ponse especial énfase no coñecemento da súa historia, a súa biodiversidade, os beneficios que ofrecen e as boas prácticas necesarias para asegurar a súa conservación. Ao coñecer estas paisaxes e o seu funcionamento, fómentase o compromiso persoal e colectivo co seu coidado, integrando o respecto pola natureza co desenvolvemento rural sostible e a participación activa desde a educación.

Obxectivos temáticos
Comprender a orixe, evolución e expansión dos castiñeiros e abeleirais no mundo, así como a súa vinculación coas comunidades rurais. Valorar como o ser humano influíu na configuración destas paisaxes e como, á súa vez, estes ecosistemas moldaron a historia, a economía e a cultura de moitas rexións.
Descubrir por que os castiñeiros e abeleirais son ecosistemas clave na loita contra o cambio climático e na conservación da biodiversidade. Valorar o seu papel como espazos culturais e económicos sostibles, entender os servizos ecosistémicos que prestan e fomentar o respecto polas prácticas tradicionais asociadas ao seu uso responsable.
Explorar a biodiversidade que habita nestes montes, máis alá dos castiñeiros e abeleirais: flora, fauna, fungos, paisaxe… Coñecer os produtos que se obteñen de forma sostible (froitos, madeira, cogomelos, mel) e como benefician tanto ao medio ambiente como á saúde e benestar das persoas.
Motivar ao alumnado a actuar en favor da conservación a través de accións concretas: visitar, observar, recuperar saberes, divulgar, participar. Propoñer actividades educativas e participativas que axuden a interiorizar o valor destes bosques e promovan a súa defensa activa desde o local, xerando unha conciencia crítica e comprometida.
As actividades e exercicios propostos buscan fomentar a participación activa do alumnado, conectar o coñecemento coa realidade do contorno e desenvolver o pensamento crítico. A través do traballo en grupo, a observación, a investigación e a creatividade, preténdese espertar interese pola conservación e o respecto cara aos montes vivos.