O desenvolvemento sostible baséase en tres piares en equilibrio: o crecemento económico, a protección do medio ambiente e a equidade na sociedade para que sexa compatible coa conservación do medio natural para futuras xeracións.
Desde o proxecto Montes Vivos existe unha serie de boas prácticas baseadas en
Solucións baseadas na Natureza que permiten enfrontarnos a retos como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou as desigualdades sociais. Pero, ¿que podemos facer?
Índice
Manexo do solo
O solo é clave para soutos e abeleirais, cando as follas, ramas, cortizas e troncos caen ao solo, forman unha cuberta vexetal que protexe, nutre e retén a humidade fertilizando o solo a través da súa descomposición.
Para non danar esta estrutura do solo e os seus microorganismos, é importante evitar o arado/labrado todo o que sexa posible. Hai animais, como vermes, escaravellos e outros artrópodos que airean os solos desde o interior para que as raíces das plantas poidan crecer mellor.
… arar e labrar non son o mesmo? ambas son formas de traballar o solo…
Arar: implica remover e romper o solo ata unha profundidade significativa.
Labrar: preparar o solo para a sementeira de forma máis superficial.
Control natural de pragas
Para evitar o uso de produtos daniños para o medio ambiente e as persoas utilízanse solucións baseadas na natureza, ademais, foméntase a biodiversidade (aves e morcegos) na zona e contrólanse pragas e enfermidades de forma natural.
Manexo forestal responsable
Isto permite aproveitar os seus recursos e que sigan proporcionando beneficios ecolóxicos, económicos e sociais durante máis tempo e conservando estes lugares:
Aproveitamento múltiple:
Realizar varias actividades á vez, logra manter un equilibrio entre produtividade e conservación: recolección de froitos, pastoreo, extracción de madeira, mel, etc.
Replantacións con variedades locais e enxertos
Para recuperar variedades máis antigas e resistentes, axudamos a que os montes sexan máis sans, o que beneficia á natureza e ás persoas que dependen dela para vivir.
Conservación de árbores senlleiras (centenarias):
Avoas e avós da natureza, contan historias sobre o pasado e son parte do
patrimonio
natural e cultural dos lugares onde habitan.
Ademais, funcionan como refuxio de fauna e ofrecen unha maior produción de froitos.
Reutilizar restos de poda
Para aumentar a produción e mellorar a saúde de, sobre todo, os castiñeiros, da forma máis natural posible, realízanse podas regulares para aumentar a aireación e a exposición ao sol.
Despois de podar as árbores, as ramas máis grandes déixanse no solo dese mesmo espazo, creando biotopos para plantas, fungos, microorganismos e animais. Outra parte da poda pódese triturar e repartir polo solo.
Os organismos (fungos principalmente) descompoñen estes restos e convértenos en abono natural, axudando a fertilizar a terra.
Construcións tradicionais para a biodiversidade
A integración de estruturas tradicionais (muros de pedra seca, sebes e charcas) nos soutos e abeleirais conserva o patrimonio cultural (etnográfico) e aporta grandes beneficios ecolóxicos, xa que axudan á fauna e preservan a paisaxe rural.
Manter e recuperar estas estruturas é unha forma de garantir montes máis saudables e resilientes.
Conclusión
Un bo manexo de soutos e abeleirais protexe a biodiversidade e impulsa o desenvolvemento rural de forma equilibrada, sostible e responsable.